Ecopedagoxía

From Dicionario galego de ecocrítica
Revision as of 10:50, 14 October 2018 by Cesar dominguez (Talk | contribs)

Jump to: navigation, search

por Paula Pais Tuñas

Ecopedagoxía (do inglés ecopedagogy): movemento social, político e cultural orientado á cidadanía planetaria que ten como finalidade a construción dunha cultura da sustentabilidade, unha convivencia harmónica e respectuosa entre a natureza e os seres humanos. Tamén é coñecida coma "pedagoxía da terra" ou "educación sustentábel".

Contents

Definición extensa

A ecopedagoxía consiste na interacción entre a educación para o entorno (protección do entorno, defensa dos ecosistemas, redución da contaminación, etc.), o desenvolvemento económico global (produción de riqueza para todos no sentido de alimentos, saúde, benestar, etc.) e o progreso social (liberdade, igualdade, solidariedade, cooperación, etc.). Procúrase entón, mediante a educación, cambiar o ollar das persoas, facendo converxer os dereitos humanos e os dereitos planetarios.

Un dos seus propósitos é concienciar aos cidadáns das consecuencias que poden ocasionar accións, tanto individuais coma colectivas, a nivel global, e do que pode supor nun futuro para as novas xeracións. O cambio fundamental que propón a ecopedagoxía, confrontándoa co resto dos modelos pedagóxicos tradicionais, é a visión planetaria no seu conxunto (por enriba de xéneros, especies…) fronte á visión antropocéntrica imperante na actualidade.

Proponse coma un novo modelo para unha civilización sostíbel, unha alternativa para a construción dunha sociedade sustentábel. A creación deste novo paradigma, que ve a Terra coma unha soa comunidade, supón un reto, posto que implica cambios a nivel social, cultural e económico.

Historia do concepto

Xa na década de 1980, [Gaston Pineau] presenta o neoloxismo ecoformación, un concepto que se refire a unha educación especialmente ecoloxizada, ou sexa, baseada nunha dinámica relacional entre o ser humano, a sociedade e a natureza, de maneira que resulte sustentable no espazo e no tempo. A súa vez, inspírase nunha teoría que Rousseau anuncia no comezo da súa obra Emilio, e que recibe o nome de “os tres mestres”: a educación da natureza (o desenvolvemento das nosas facultades e dos nosos órganos); o uso (que nos amosa o que debemos facer dende o desenvolvemento e a educación dos homes); e a educación das cousas (o que adquirimos a través da nosa propia experiencia). En conxunto, contribúen á formación da persoa. Pineau fai unha aproximación entre esta teoría de Rousseau e a do “paradigma verde” de Edgar Morín. Concibe a vida coma unha conxunción de tres polos: o individuo, a especie e o medio ambiente.

Unha década máis tarde, Francisco Gutiérrez acuña o concepto de ecopedagoxía, e desenvólveo no seu libro Ecopedagogía y Ciudadanía Planetaria. Case ao mesmo tempo, no Foro Global da Cumbre de Río de 1992, comezase a discutir sobre a importancia da educación ambiental, e polo tanto, da necesidade dunha pedagoxía da sustentabilidade.

Considérase que o movemento foi consolidado en 1999 no Primeiro encontro internacional da Carta da Terra na Perspectiva da Educación, realizado en São Paulo. Levado a cabo entre os dias 23 e 26 de agosto de 1999, onde 17 países e 13 estados brasileiros representados por especialistas, profesionais e investigadores intercambiaron reflexións e experiencias sobre a cultura da sustentabilidade, ética e a práctica da non violencia. Foi organizado polo Instituto Paulo Freire e apoiado polo Consello da Terra e pola UNESCO, e alí xérase o documento marco da ecopedagoxía: Carta da pedagoxía: En defensa dunha pedagoxía da Terra. Na Asemblea Xeral de Clausura foron elaborados tres documentos: O documento fundacional do Movemento pola ecopedagoxía (froito da xuntanza antes citada, e organizada polo Instituto Paulo Freire), a Axenda de Compromisos 1999-2020, e unha Contribución dos Educadores á Carta da Terra.

Paulo Freire, quen dá o nome á institución nomeada anteriormente, é unha das fontes principais das que bebe a ecopedagoxía. Este teórico de orixe brasileira é un dos máis influíntes do século XX. Del tómase unha das teorías fundamentais da pedagoxía da terra: o método de aprendizaxe a partir do cotián, emerxente dunha “educación problematizadora” (cuestionamento da propia aprendizaxe). Supón devolver a conexión entre o ser humano e a natureza, e acadar así a felicidade grazas as pequenas cousas que esta nos ofrece (aromas, sabores, emocións...). Segundo Freire, esta felicidade foi truncada coa instauración do capitalismo, que nos vende a felicidade coma un produto comercial. É preciso mudar a maneira de interpretar o medio ambiente, non coma un medio de explotación económica (segundo a lóxica capitalista), senón coma unha base experiencial da que parte a nosa educación, que busca o reencontro co noso medio.

Desenvolvementos

En 1996 créase en Brasilia a Escola da Natureza. A súa pretensión, como afirma Vera M. Lessa Catalão (doutora en Ciencias da Educación), é “funcionar como centro de intercambio e de irradiación dunha pedagoxía capaz de unir a ética, a cidadanía, e o medio ambiente como contidos da educación escolar”. Brasil, foi o lugar que Gaston Pineau considerou como máis idóneo para levar a cabo estas propostas da ecopedagoxía. Nesta escola traballaron con barro, origamis, chatarra, reciclaxes... A súa pretensión era a introdución da ecoformación dunha maneira científica no ámbito escolar.

Brasil segue a ser un país pioneiro no desenvolvemento de programas que contribúan á preservación do medio ambiente. En outubro do ano 2017, Laís Fleury a directora da institución Alana, anunciou a creación do programa “Criança na Natureza”, un programa creado coa intención de que os nenos crezan aprendendo a respectar o medio que os rodea.

Para o desenvolvemento da ecopedagoxía estanse intentando levar a cabo, en distintos puntos do globo, unha serie de estratexias e o uso de ferramentas para concienciar a poboación e lograr a síntese entre o ser humano e a natureza. Falamos dende xogos, ata cartografía social (análise profunda dun territorio e as relacións e condicións de quen habita), ata as chamadas estratexias intra ou extramuros. As intramuros son aquelas que se realizan dentro dunha aula, e o papel do ecopedagogo é amosar que os temas ecolóxicos poden estar presentes en todas as materias ben sexan de matemáticas, de literatura, historia, etc. Por outra banda, as extramuros son aquelas pensadas para realizar ao aire libre, como andainas, sendeirismo, exploración e sensibilización coa natureza en xeral

Exemplificación

Na cultura galega tiveron lugar algunhas obras vencelladas a este movemento que buscan a sensibilización, sobre todo, dos máis pequenos. Algúns exemplos son Fauna galega para nenos e nenas de Estanislao Fernández de la Cigoña editado pola Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía.

Ecoloxía na aula de María Solar (Editorial Lea), é unha ferramenta para a educación ambiental especializada en Galicia, dirixido tanto a educadores e pais como a nenos. Está pensado para a iniciación na conciencia ecolóxica e para que os nenos e nenas, saiban xestionar o futuro ambiental.

O libro-disco A música das árbores de Anxo Moure e Servando Barreiro, é unha obra na que se conxuga poesía, narración e música e onde se amosa a natureza coma un verdadeiro espectáculo que ofrece música e fermosos cadros das súas paisaxes.

Para os máis adultos, o Manual de horta ecolóxica editado pola Xunta de Galicia, Consellería do Medio Rural e do Mar. Nel explícase que a agricultura ecolóxica non só ten beneficios para o consumidor, senón que o obxectivo tamén é conseguir unha agricultura sostible, conservar a fertilidade do solo, empregar en maior medida posible os recursos renovables e reducir a contaminación das prácticas agrícolas. É unha maneira de reconciliar a terra, co seu explotador, pero dunha maneira beneficiosa para ambos.

Voces relacionadas

ecoformación, educación ambiental, desenvolvemento sustentábel, ecoloxía.

Bibliografía